O Grupo Imán de autoapoio VIH/SIDA e adicións da U.A.D. do Concello de Vigo desexa convidarnos a participar no acto sociocomunitario dovindeiro martes 7 ás 19h00 na entrada principal do edificio da Gota de Leite.
O obxectivo é solicitar publicamente á Xunta de Galicia que organice nese edificio unha xornada de portas abertas e rolda de prensa para que os medios de comunicación e a cidadanía de Vigo poidan coñecer o equipamento co que conta actualmente dito inmoble e quede demostrado dunha vez por todas que sería posible a súa inmediata apertura, cando menos provisionalmente, como Centro de Emerxencia Social-Albergue, mentres o Concello de Vigo non poña en marcha as instalacións que albergarán dito centro de xeito definitivo.
Con este acto pretenden dar resposta ás declaracións de Lucía Molares, Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, aos medios de comunicación o día 14 de agosto, nas que afirmaba que o edificio da Gota de Leite non podería ser usado nin sequera provisionalmente como Centro de Inclusión Social para persoas sen fogar, posto que non reunía as condicións necesarias para dito fin.
Ademais no acto recordaremos a dous compañeiros finados nos meses de xullo e agosto, facendo un minuto de silencio na súa honra.