Nunha nota de prensa a Rede Social Galicia Sur -na que participa a nosa comunidade- valora positivamente a iniciativa do Concello de construir un centro de atención social continuada e un albergue municipal en Vigo, xa que: «É DE DEREITO DAR COBERTURA ÁS NECESIDADES MÍNIMAS DAS PERSOAS SEN FOGAR».
A Rede Social Galicia Sur defende o dereito de todos os cidadáns/ás, sexa a que sexa a súa situación e a súa pertenza ou non a algún colectivo concreto, a ter acceso a servizos sociais que apoien o seu desenvolvemento sociopersoal e fortalezan as súas posibilidades de participación social. A Rede entende que o albergue municipal (que tal e como recolle a lei é un aloxamento de carácter temporal para persoas transeúntes e persoas que están sen fogar) é un servizo necesario en Vigo que viría a completar a oferta destes servizos existentes na cidade de iniciativa privada e apoio publico.
En calquera caso este recurso necesario non dá completa resposta á reivindicación que a Rede mantén dende hai anos acerca da necesidade dun centro público de Inclusión Social entendido como un servizo que de xeito polivalente ofreza máis alá da pernocta puntual e da cobertura das necesidades máis básicas, tamén os coidados esenciais de carácter sociosanitario e o axeitado apoio profesional que posibilite o inicio e consolidación de procesos de recuperación e axuste persoal e, con iso, a saída do círculo da pobreza e exclusión social e a incorporación social e laboral. Polo que a Rede continuará coa súa demanda de servizos que dean maior e máis axeitada cobertura ás necesidades da población sen fogar de Vigo.
Non se debe esquecer que o colectivo de persoas sen fogar está maioritariamente formado por persoas veciñas nosas, que se atopan na rúa, sen vivenda fixa pero residentes na cidade.
Non se pode atrasar máis a posta en marcha de servizos sociais de atención primaria, que deben integrase na rede de recursos da cidade e ser asumidos pola cidadanía como servizos de primeira orde que facilitarán o apoio a persoas que se atopan en situación de exclusión social.
Tras a reunión mantida coa Concelleira de Benestar Social e coa veciñanza do barrio de Ribadavia (Asociación Veciñal de San Roque) a Rede Social Galicia Sur segue mantendo unha actitude facilitadora e de colaboración co único fin de que este proxecto sexa unha realidade, o primeiro paso dunha rede de servizos que dean resposta ás necesidades reais do colectivos das persoas sen fogar en Vigo.