O sábado 8 de setembro máis de medio centenar de personas da nosa comunidade peregrinamos á Nosa Señora do Monte de Mazaricos (A Coruña) a celebrar con outr@s Galeg@s a "XXX Romaxe de crentes galegos"…
{mosimage}
Saímos de Vigo ás 9 da mañá e despois de pasar Santiago adentrámonos nesa meseta fértil de Galiza onde se atopa Mazaricos. Chegamos dos primeiros e fomos recibidos cun pedaciño de rosca e outro de tetilla. Despois de buscar un lugar sombrio para o xantar participamos na celebración da eucaristía xunto con varios miles de crentes vidos de distintos lugares de Galiza.
O tema escollido para a celebración foi o da centralidade da auga na nosa terra galega. A auga do océano Atlántico a poucos quilómetros de Mazaricos. A auga que fai medrar os campos e as hortas de Mazaricos con “lentura”. De aí o lema da romaxe: “A TERRA QUER LENTURA”. Quixemos festexar ao bo Deus que nos regala a auga. Pero quixemos festexar tamén ao seu fillo Xesús que nos da na súa palabra e nos seus feitos un “auga de vida” para ser felices e crear felicidade. Realmente a eucaristía foi unha festa onde non faltou a música de “A Quenlla”, o baile da “rumboia”, o pan e o viño de Xesús, e a solidariedade cos máis necesitados.
Na celebración participou Javier Baeza párroco de San Carlos Borromeo de Vallecas, cun grupiño de mozos desa comunidade e tivemos ocasión de manifestar así a unión que vense dando con eles dende hai varios meses. O final da celebración pronunciamos “o berro seco” rexeitando moitas cousas que queremos botar fora da nosa terra galega para que teña cada día algo máis de Reino de Deus.
Despois dun xantar xeneroso e compartido escoitamos o concerto de A Quenlla e tivemos un ratiño de oración preparado por Manolo Regal no Miradoiro de Carnota. E voltamos contentos de ter celebrado un ano máis a nosa fe e a nosa galeguidade. E ata dentro dun ano que nos veremos para celebralo en A Pastoriza (Lugo).
Un peregrino