INTRODUCIÓN
Irmás, irmáns, iniciamos un novo Tempo de Advento, tempo no que as comunidades de base somos chamadas a percorrer camiños de esperanza para todas as persoas, comezando polas empobrecidas, as marxinadas, as perseguidas, as últimas… Deus Pai e Nai insiste unha e outra vez en convocarnos a actuar, a dar os primeiros pasos para “preparar o camiño ao Señor”. Nada máis alleo a nós que esa relixiosidade apática e inmobilista de quen agarda a súa “salvación” porque non fixo mal ningún, como se iso fose suficiente. Lembremos que Xesús so maldí unha vez, á figueira que non deu froito. Temos, pois, a obriga de dar froitos, o compromiso de construír día a día o Reino de Paz, Xustiza e Fraternidade: so así Deus habitará de novo entre nós como unha presenza próxima e agarimosa. E a Humanidade toda poderá agromar de novo e, como María, sentirse preñada da graza de Deus.
Domingo 29 de Novembro Domingo 1º de Advento “Estaremos sempre nos teus vieiros”
Isaías, hai moitos séculos, xa se atopaba co extravío da xente que se afastaba do camiño liberador do Deus Pai e Nai. Isaías xa recoñecía que a súa xeración, como a nosa, tiña o corazón endurecido, presa do egoísmo, do individualismo, da procura da satisfacción persoal á costa da indiferenza ante a dor allea. Velaí a chave: dor ‘allea’ porque era a do próximo entendido como o outro, que non ten nada que ver comigo. Ese é o pecado, o camiño errado: non decatarse de que o vieiro ‘salvador’ é tamén, necesariamente, o vieiro da xustiza, o vieiro da fraternidade, o vieiro da com-paixón.
¿Por que, Señor, nos deixaches extraviar lonxe dos teus vieiros, e fixeches endurecer o noso corazón apartándose do teu respecto? […]
Atopácheste co que se alegraba e practicara a xustiza, cos que se lembraban de ti nos teus vieiros. Velaí: estabas enfadado porque pecaramos, (pero) estaremos sempre nos teus vieiros e salvarémonos.
[…] agora, Señor, ti e-lo noso Pai. Nós sómo-lo barro e ti e-lo oleiro, pois obra das túas mans somos todos nós.
Isaías 63, 17; 64, 4 e 7

