Crónica da Festa do Magosto 2026

Facer barrio, facer comunidade, implica convivir acotío, estar xuntas na reivindicación e na loita por un mundo mellor, pero tamén nas festas populares. Bo exemplo foi o magosto que celebramos o pasado sábado 7 de novembro, onde nos xuntamos veciñas e veciños, que puidemos conversar, botar unhas risas, bailar, comer castañas e beber o viño novo que é propio destas datas. A chuvia perdoounos desta vez e deixounos unha tarde tranquila, mesmo cunha temperatura inusualmente alta para esta época do ano.

As amigas do Centro Cultural Rueiro aportaron o grupo de pandereteiras Lumieiras e o seu grupo de gaitas, e contamos tamén coa charanga «Traspés» para que a tarde tivese animación musical e o ambiente festivo que reclamaba a festa. Abofé que o pasamos moi ben!

E para non esquecer quen somos houbo tamén unha mesa de troco na que practicar un pouco de economía alternativa e solidaria, baseada no ben común fronte ao afán de lucro e o consumismo que nos invaden a medida que se achega o final do ano.

Vémonos o ano que vén!