É xa unha tradición que algunhas persoas da comunidade se xunten unha fin de semana para preparar a casa de Vilán para os campamentos de verán. A limpeza é esixente porque leva tempo e esforzo, pero o traballo sempre se fai máis doado e levadeiro cando se fai en comunidade, cando se comparte, mesturado cos momentos para o xantar, os ratos de conversa, as confidencias e as risas, os proxectos de futuro e as miradas cara o pasado.
De todo isto houbo esta pasada fin de semana en Vilán. Ao final, sobre o cansazo imponse un sentimento de ledicia e unha convicción que agroma espontánea: nestes días compartidos estamos a construír un presente alternativo a narrativa que pretenden impoñernos, estamos a facer comunidade fronte ao individualismo que nos devora, que nos consume. Dende o pequeno, estamos a desenvolver un relato que ten moito de revolucionario, porque co noso camiñar estamos a amosar novas formas de ser, de vivir e sobre todo de convivir.
E, ao tempo, preparamos o espazo para que a rapazada incorpore eses camiños alternativos á súa vida. Sementamos futuro dende o noso presente compartido!

