Estes dous últimos sábados desenvolvimos dúas actividades coas que tradicionalmente pechamos o curso e aproveitamos para compartir o camiño andado e trazar algunhas pistas para o que virá o ano próximo: a Asemblea parroquial e a Festa de A Bouza.
Na parte máis formal, que se corresponde coa Asemblea, que tivo lugar o pasado día 6 de xuño, como eramos menos persoas das esperadas traballamos ao redor das actividades dos ministerios e decidimos trasladar ás comunidades a reflexión programada para este espazo e adiar a toma de calquera decisión para o comezo do seguinte curso, xa no Consello de Pastoral.
O sábado seguinte, o 13 de xuño, chegou o momento de compartir de forma máis festiva e informal o traballo desenvolvido ao longo do curso, facer plans para o ano que vén e, sobre todo, celebrar a vida comunitaria como espazo alternativo e horizontal onde crecer no amor fraterno nestes tempos de violencia, individualismo e soidades.
Ademais, contamos coa visita das amigas da asociación «Beiramar de Xente», integrada por diversos colectivos sociais, veciñais e culturais, que nos falaron do seu proxecto para o litoral industrial de Vigo. Trátase de poñer en valor o pasado esplendor das nosas industrias vencelladas ao mar como elemento dinamizador dun urbanismo -e dun turismo- diferentes, baseados na cultura do país e na historia da nosa cidade, non na especulación e na superficialidade.
Deixamos a continuación algunhas imaxes, tanto da asemblea como da Bouza.





