Na Semana Santa a nosa comunidade quixemos que foxe celebrar a vida, morte e resurrección de Xesús de Nazaret, pero tamén unha vida, morte e resurrección que é un acontecer actual en tantas personas e comunidades do noso mundo que intentamos facer realidade o seu camiño de SER PERSOA, SER LIBRE, SER VERAZ, VIVIR -lema que escollemos na reunión de preparación comunitaria da Semana Santa-.
O Domingo de Ramos foi como o pórtico de toda a Semana. A aclamación a Xesús nesta xornada, caracterizada sobre todo pola presenza dos nenos, foi unha aclamación a un Xesús de carne e óso que imos descubrindo na catequese e comunidades como o prototipo de PERSOA. Unha gran imaxe do “moreno” de “Un tal Jesús” (libriño que utilizamos na catequese e nas nosas “xuntanzas de familia”) presidiu as nosas aclamacións. O Xesús de “a borriquilla” foi o símbolo da loita non violenta e humilde por un mundo mellor. Pero nesas aclamacións feitas de palmas, ramos e palmadas tamén queriamos incluír a cant@s no mundo de hoxe loitan, sofren, morren e fan resucitar un mundo de PERSOAS.
Na xornada do Xoves Santo deixámonos levar por Xesús que convidaba á súa mesa a aqueles que ninguén quería. A través dunhas diapositivas sentamos na nosa mesa a sectores marxinais aos que nos achegamos dende a nosa comunidade. E representamos a tarefa do servizo comunitario, que Xesús explicou co xesto do lavatorio dos pés, cunhas grandes “tiritas” que fomos colocando no altar. Ser LIBRE, como Xesús, para amar, servir e curar. O pan e o viño, ben visibles, e compartidos, intentamos que fosen tamén un símbolo claro da súa vida entregada e tamén da nosa.
O Venres Santo duplicamos a nosa celebración. Na mañá quixemos acompañar ao Xesús de entón e ao de hoxe cun via-crucis que chamamos “Via-Crucis de Africa”. Con imaxes impresionantes de persoas dese continente crucificado fomos recordando as paixóns e mortes de hoxe ás que queremos ser sensibles. E todo isto fixémolo ante o PAN e o VIÑO que gardamos da cea do xoves que nos recordaba a este Xesús que foi para todos “o pan bo que se deixa comer” e que se foi desangrando dia a dia polo Reino.
E pola tarde unha vez máis lembramos a Xesús que se presenta diante de Pilatos como PERSOA LIBRE E VERAZ dando testemuño de que outro mundo é posible e que por iso é torturado e crucificado. E recordamos á vez paixóns e mortes de hoxe. Unha cruz grande do “Cristo Campesiño” (símbolo dos Comités Óscar Romero) serviunos para unificar estas paixóns e mortes de hoxe coa de Xesús. A lembranza do Servo de Yavé de Isaías, personaxe mítico co que Xesús se identificou toda a súa vida, serviunos tamén para ler a Paixón segundo san Xoan cun sentido liberador. Xesús e os servos sufrientes de hoxe abren ao mundo un futuro máis humano.
O Sábado Santo celebramos a Vixilia Pascual como é tradicional nas comunidades cristiás. Abrimos a celebración na escuridade escoitando o berro dunha haitiana entre os cascallos do terremoto: ¡sáquenme de aquí! Berro tamén “de toda unha humanidade sufriente que nos está chamando a dar vida” e descubrindo que iso tamén nos dá vida a nós. VIVIR era o lema escollido para esta día. O lume foi queimando as nosas actitudes anti-vida e del saíu a luz de Xesús Resucitado para alumear o noso camiño. Luz á que acompañan luces de persoas de cerca e de lonxe, que viven ou viviron entre nós, pero que sentimos presentes axudándonos a “repartirnos para que todo sexa claridade ata que todo sexa resurrección e veña a terra nova”. Esa vivencia estivo no fondo da nosa celebración: renovación das promesas bautismales e celebración da cea de Xesús. O “canto do barrio”, composto por Marina na nosa comunidade fai dúas décadas para a celebración desta noite, quixo expresar que a nosa comunidade segue sendo “un pobo en marcha seguindo a Xesús”, “Xesús é quen alumea nosa loita pola vida e por un barrio mais humano”, “os do Cristo da Victoria non lle temos medo a noite”. E unha paz prolongada compartindo no coro roscón e sangría marcaron o desexo desta comunidade de VIVIR DANDO VIDA. O colofón da Pascua foi o dia soleado que nos regalou o Domingo para gozar da convivencia e do agarimo xunto ao mar ou a montaña.