Hoxe 1 de marzo ás 12:00 horas xuntámonos un ano máis no adro da Parroquia Cristo da Victoria convocadas pola Revolta de Mulleres na Igrexa para seguir loitando pola igualdade e a dignidade das mulleres na Igrexa, unidas baixo o mesmo clamor de sempre: “Ata que a Igualdade sexa costume”.
Como noutros 34 territorios, denunciamos a profunda discriminación e a invisibilización sistemática das mulleres no seo da Igrexa, desta vez baixo a lema “Este é o meu corpo”.
No acto fixemos presentes a todas as mulleres que sofren no mundo e na Igrexa; cantamos o “Verdegaio” e máis a “Rumboia”; conseguimos abrazar os arquetipos da Virxe María e de Eva para sentir que somos todas fillas de Deus; compartimos o pan; e lembramos unha vez máis que vimos de lonxe e que somos moitas as que alzamos a voz para dicir abonda xa e esixir unha Igrexa nova que hoxe deu connosco un novo paso adiante.



