2º Domingo de Coresma: «QUEREMOS CAMIÑAR CONTRACORRENTE»

DOMINGO II DE CORESMA (1 de marzo)

¿Onde poño a miña felicidade?

A pregunta que cómpre facerse agora é decisiva: ¿Procuro a miña felicidade ou a felicidade das demais persoas? ¿Prefiro quedarme feliz na miña montaña ou baixarei a compartir e a reivindicar a felicidade de todas? Máis aínda, ¿non será acaso esa -expoñerse, abaixarse, abrirse aos demais- a mellor maneira, talvez a única, de atopar o reino de Deus nesta Terra, a felicidade duradeira á que aspiramos?

Naquel tempo, levou Xesús consigo a Pedro, a Santiago e a Xoán seu irmán, e subiu con eles sós a un monte alto.

Alí transfigurouse diante deles; o seu rostro resplandecía coma o sol; e os seus vestidos viraron brancos coma a luz.

Nisto aparecéuselles Moisés e tamén Elías, que estaban falando con el.

Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús:

– ¡Señor, que bo sería ficarmos aquí! ¿Queres que faga aquí tres tendas, unha para ti, outra para Moisés e outra para Elías?

Aínda el estaba falando, cando apareceu unha nube luminosa que os cubriu; e oíuse unha voz que dende a nube dicía:

– Este é o meu Fillo benquerido, o que me comprace; escoitádeo.

Ó escoitaren isto, os discípulos caeron debruzados, cheos de temor. Xesús, achegándose, tocounos e díxolles:

– ¡Erguédevos, non teñades medo!

Mt 17, 1-9