Dende a nosa comunidade parroquial sempre temos apostado polas festas tradicionais como unha das mellores ferramentas para promover as relacións entre a veciñanza, para facer barrio, para humanizar de verdade as nosas vidas, que so teñen sentido se se comparten cos demais. Pois ben, nesta liña, o vindeiro sábado día 15 de novembro celebramos o tradicional magosto da veciñanza nos baixos do complexo parroquial.
O programa previsto é o seguinte: dende ás 17:30 compartiremos castañas e viño novo entre todos os veciños e veciñas que se acheguen a participar. Ás 18:00 contaremos coa actuación do grupo de baile «Queixumes», e ás 19:00 disfrutaremos dunha actuación regueifeira a cargo de Luis «O Caruncho» e Bieito Lobariñas.
Cómpre agradecer moi especialmente a organización desta festa veciñal e comunitaria ao Movemento Veciñal «O noso barrio», á Asociación de Mulleres «Dorna» e ao Centro Cultural «Rueiro». Sen eles e elas, nada disto sería posible.

