50 anos das dominicas na nosa Comunidade!

Este fin de semana celebramos, cheas de ledicia e agradecemento, o 50 aniversario da chegada das
dominicas ao noso barrio e á nosa parroquia; 50 anos de camiño compartido dende a fe liberadora
que nos une; 50 anos dunha comunidade de dominicas comprometida firmemente con mellorar a
vida de todas as persoas, empezando sempre polas máis necesitadas; 50 anos sementando
esperanza.

O sábado Diego convidounos a botar a vista atrás para lembrar a pegada fonda destas mulleres nas
nosas vidas e na comunidade en torno a unha mesa redonda na que participaron Mario, Laura,
Gelucho, Ana Belén e Juan Antonio. A ollada persoal e emocionada dos cinco deu pé a un diálogo
no que outras persoas que formaron parte da comunidade ao longo da nosa historia aportaron as
súas vivencias, coincidindo todas en como as dominicas foron ao longo dos anos, e seguen a ser,
presencia cercana e liberadora que alimenta a nosa fe e o noso compromiso cristián, e que anima o
noso camiñar na busca dun mundo mellor. E tras a mesa redonda, continuamos tecendo lembranzas
e experiencias de xeito máis informal nos baixos da parroquia cunha merenda comunitaria.

Finalmente o domingo na misa de 12:30 compartimos unha celebración chea de sentido na que
participaron as comunidades da parroquia e moitas outras persoas que se achegaron para dar grazas
polo sentido e a vida compartidos. Celebramos os 50 anos das dominicas sementando esperanza
entre nós, no barrio, no mundo, baixo o lema “Dende abaixo, dende dentro, dende preto”, que
pretendía recoller ese querer estar sempre entre as xentes, no medio da comunidade, animando a
todas dende a cercanía e a tenrura, dende unha vida espello de coherencia e exemplo para todas, e
dende a opción preferencial polas empobrecidas. Xunto a Carmen, Marimar, Ildete e Marisa, e coa
lembranza emocionada das que as precederon, sobre todo, de Marina, demos grazas a Deus polo
agasallo da súa presenza en medio de nós e atopamos forzas para seguir camiñando, construíndo,
vivindo, esperanzando ao seu carón.

Grazas Carmen, Marimar, Ildete, Marisa!
Grazas Dominicas da Anunciata!