Semana Santa 2025: «Cinguidas pola Vida»

A Semana Santa rematou. Agora comeza a nosa oportunidade de resurrección, xunto coa Igrexa e o Pobo, nas periferias, construíndo un mundo máis xusto e fraterno.

Celebramos esta Semana Santa baixo o lema “Cinguidas pola Vida”, coa aposta decidida da comunidade de poñer a vida no centro, agora que está tan amenzada en tantos frentes, nas guerras, nas desigualdades, na persecución das minorías, no peche de fronteiras, na precarización dos servizos básicos.

A Semana comezaba o Domingo de Ramos, no que a cativada da nosa parroquia asumía todo o protagonismo e levaba a esperanza e a alegría ás moitas persoas que acudiron a esta celebración.

O xoves queríamos sentar á nosa mesa ás vítimas, ás empobrecidas, ás enfermas, ás perseguidas… e expresamos o noso compromiso para con elas cun simbólico botiquín no que ofrecíamos acompañamento, coidados e solidariedade.

O venres, día da morte, do asasinato, de Xesús de Nazaret, primeiro no recollemento e na cercanía da oración da mañá e despois, xa pola tarde, no memorial das últimas horas do Señor, fixémonos eco de tantas crucificadas e crucificados que acotío sofren inxustamente, no medio da indiferenza de moitas: as persoas maiores, abandonadas e invisibilizadas, soas neste mundo hipercomunidado; as minorías discriminadas por razón de raza, orientación sexual, falta de recursos…; as persoas migrantes, cada vez máis vulnerabilizadas por un sistema que as criminaliza por fuxir da pobreza e da violencia; as mulleres que sofren violencia de xénero nunha sociedade que segue a ser, por desgraza, patriarcal e machista; e, por último, as vítimas das guerras, en particular da guerra, mellor dito, do xenocidio que está a vivirse en Gaza a mans do exército israelí, en medio do vergoñante silencio da comunidade internacional.

Por último, o sábado, a celebración da Pascua de Resurrección levounos a percorrer o ciclo da vida renovada, a través dos símbolos do lume e da auga, coa renoavación das promesas bautismais e o pregón pascual. Para rematar a celebración, antes do tradicional “Canto do barrio”, compartimos un manifesto final que resume o noso sentir como comunidade cristiá de base que segue a ter na opción preferencial polas máis empobrecidas e por todas as vítimas o seu primeiro compromiso. Aquí vos deixamos ese manifesto, co desexo de que poidades compartilo.