Onte, 15 de marzo, un xornal galego publicaba unha breve reportaxe sobre as igrexas do Concilio Vaticano II na nosa cidade. Tal e como lembraba Jorge Lamas, autor do texto, o Concilio Vaticano II estableceu directrices para a construción dos novos espazos de culto católicos que se ergueron dende entón: “a idea principal que dirixiu esa nova arquitetura relixiosa foi o fomento do espírito comunitario e o achegamento entre sacerdotes e fieis”.
Nese contexto xurdiron obras como a igrexa dos Picos, en O Calvario, e a de San Paio de Navia, ambas obras de Román Conde, ou as que se proxectaron en Coia nos anos setenta e oitenta: San Martiño, cuxo responsable foi Arturo Fraga Framil; O Rocío, obra de Desiderio Pernas; O Perpetuo Socorro, que foi asumida polos arquitectos Francisco Yáñez Ulloa e Tomás Pérez-Lorente; e… a nosa, a igrexa do Cristo da Vitoria, que foi proxectada polo arquitecto e fraile dominico Francisco Coello de Portugal Acuña.
Francisco Coello é o profesional da arquitectura que ten planificado máis igrexas en España no século XX. No caso da parroquia do Cristo da Vitoria o formigón é o soporte da estrutura. O interior, como comenta o xornalista da reportaxe recén publicada, é “apabullante”.
Así é como describe a edificación Marta Rodríguez Vilas na súa tese de doutoramento e no artigo «Génesis y desarrollo de los cuatro centros parroquiales del polígono de Coia (Vigo, 1953-1981)»:
“O seu aspecto exterior posúe unha contundencia formal capaz de competir cos enormes edificios de vivendas do seu entorno.
Porén, o acceso frontal — un beiril envolvente — é feble en escala e proporciona unha aproximación suave dende a rúa e o xardín.
O interior golpea os sentidos pola inesperada combinación de rudeza e refinamento. A intensa luz que baña o fondo do presbiterio, os bastos aparellos de bloque de formigón visto, e a forma en sector circular da nave co altar situado no vértice, constitúen os invariantes formais cos que Coello traballa, demostrando a versatilidade do seu esquema.” (cita recollida tamén na web de Patrimonio Galego).
Como a mesma Rodríguez Vilas sinala máis abaixo, Coello exprime “ao máximo a debatida cuestión da austeridade, entendida tanto dende as necesidades económicas reais como dende a nova sensibilidade máis implicada co papel social da arquitectura. De feito, esta parroquia ten sido, dende o seu inicio, un foco moi activo de reivindicacións veciñais”.
Lamentablemente o paso das décadas fíxose notar nos últimos anos con problemas reiterados de filtracións nos tellados que non deixan de ir a máis. Agardamos que o recoñecemento do valor arquitectónico desta igrexa, e sobre todo o seu prolongado labor social, de compromiso solidario co barrio e cos colectivos máis desfavorecidos, sexan tidos en consideración para a súa adecuada restauración nun futuro non moi lonxano.





