Crónica da Revolta das Mulleres na Igrexa

Este domingo, no marco das xornadas feministas do 8 de marzo, xuntámonos ás portas da parroquia Cristo da Victoria de Coia convocadas pola Revolta de mulleres na Igrexa baixo o lema: “Crentes e Feministas; por unha Igrexa en Igualdade”.
Xuntas limos o manifesto, cantamos, alzamos a voz, partimos o pan e berramos nun mesmo clamor feminista repetido en trinta cidades do estado que “aquí estamos e estaremos ata que a Igualdade sexa costume”.
Xuntas convidamos tamén á nosa mesa compartida ás mulleres empobrecidas, ás migrantes, ás explotadas, ás vítimas das guerras e da violencia de xénero, a tantas mulleres silenciadas… porque na mesa e no mundo cabemos todas e todas estamos chamadas a facer realidade o mundo e a Igrexa cos que soñamos.
Vimos de lonxe, somos moitas e neste 9 de marzo alzamos a voz unha vez máis para dicir abonda xa e esixir unha Igrexa nova, comunidade de iguais, semente de futuro, unha Igrexa que estamos xa a construír entre todas…