Círculo de Silencio polas mulleres migrantes

O pasado xoves 6 de marzo a Rede Social Galicia Sur convocábanos a un Círculo de Silencio polas mulleres migrantes. En torno a unha treintena de persoas reunímonos para denunciar a situación de discriminación destas mulleres e para apoiar as súas demandas. Así comezaba o manifesto que se ao comezo e ao final do acto:

O vindeiro 8 de marzo, en dous días, celebraremos o Día Internacional da Muller dende a reivindicación permanente e a denuncia das violencias machistas e das barreiras heteropatriarcais, visibles e invisibles, que seguen a exercer unha discriminación intolerable sobre máis da metade da poboación.
Por iso, hoxe, queremos enfocar a mirada deste círculo de silencio nun sector da cidadanía que sofre unha triple discriminación, non so por ser mulleres, senón tamén por ser migrantes e por ser persoas empobrecidas. As mulleres, en efecto, representan aproximadamente o 48% dos migrantes internacionais en todo o mundo, é dicir, practicamnte a metade do colectivo. E o número non para de aumentar. En España constatouse un incremento significativo nos últimos anos: dende 2017 a 2022, 497.000 mulleres migrantes chegaron a España, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística. Sen embargo, a súa participación no mercado laboral parece estar concentrada, condenada, por falar máis claramente, a certas actividades, como a hostelería, o traballo doméstico e o coidado das persoas dependentes.

[CONTINÚA NO MANIFESTO ADXUNTO:]

A Rede Social Galicia Sur, que convoca os Círculos de Silencio en Vigo, aglutina organizacións e colectivos, sen vinculacións partidistas nen sindicais, que traballan no eido social e na cooperación internacional ao desenvolvemento co fin de acadar unha sociedade máis xusta, igualitaria, equitativa e sostible que respecte os dereitos das persoas. Actualmente a integran as seguintes entidades: Acción Verapaz, Alborada, Oxfam Intermón, Solidaridade Internacional, Cáritas Diocesana Tui-Vigo, Comité Óscar Romero, Entreculturas, Parroquia Cristo da Victoria, Proclade e Unicef. Facebook: https://www.facebook.com/RedeSocialGaliciaSur/?locale=es_ES

¿Que son os círculos de silencio?

Os círculos de silencio nacen en Francia no 2007 e actualmente convócanse nese país en máis de 180 cidades cada mes. Esta iniciativa tense estendido por Europa e por varias cidades españolas.

Os círculos aspiran a expresar a súa protesta dende unha cultura da non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo.

Queren ser un xesto pacífico permanente de denuncia.

O silencio como forma de diálogo, que apela á conciencia de quen fai as leis, de quen as aplican e da cidadanía que as asume, ás veces de forma pasiva e acrítica. Silencio como forma de acción que aglutina a persoas de boa vontade, que podendo ter ideoloxías, culturas ou crenzas diferentes, atopan nese silencio solidario coas persoas e comunidades oprimidas unha linguaxe común.

Nun mundo desbordado de ruídos, de sobreinformación que desinforma, de eslóganes e publicidade comercial e política, pensamos que o silencio ten un potencial revolucionario para reivindicar outros mundos posibles e necesarios.