O pasado xoves 9 de xaneiro a Rede Social Galicia Sur convocábanos a un novo Círculo de Silencio.
Nesta ocasión, o motivo era reclamar Paz, unha paz xusta e solidaria, nun mundo invadido polas guerras, a violencia física e verbal e unha crecente agresividade por parte de persoas, comunidades e institucións.
Fronte á militarización das fronteiras, o incremento do gasto militar, o comercio de armas, as guerras brutais en Ucraína e outros países, o xenocidio levado a cabo por Israel en Palestina, fronte a tanta barbarie, reclamamos paz, nas palabras, nas accións, nos xestos. Cómpre máis que nunca reivindicar o compromiso coa paz e a non violencia, ante un mundo que parece estar recuperando o peor doutros tempos que críamos superados. Por todo isto, xuntámonos durante media hora, en círculo, en silencio, esixindo outras formas de vivir, de construír comunidade, que son posibles, necesarias e urxentes.
¿Que son os círculos de silencio?
Os círculos de silencio nacen en Francia no 2007 e actualmente convócanse nese país en máis de 180 cidades cada mes. Esta iniciativa tense estendido por Europa e por varias cidades españolas.
Os círculos aspiran a expresar a súa protesta dende unha cultura da non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo.
Queren ser un xesto pacífico permanente de denuncia.
O silencio como forma de diálogo, que apela á conciencia de quen fai as leis, de quen as aplican e da cidadanía que as asume, ás veces de forma pasiva e acrítica. Silencio como forma de acción que aglutina a persoas de boa vontade, que podendo ter ideoloxías, culturas ou crenzas diferentes, atopan nese silencio solidario coas persoas e comunidades oprimidas unha linguaxe común.
Nun mundo desbordado de ruídos, de sobreinformación que desinforma, de eslóganes e publicidade comercial e política, pensamos que o silencio ten un potencial revolucionario para reivindicar outros mundos posibles e necesarios.
Ofrecemos a continuación o manifesto que se leu durante o círculo e algunhas imaxes do acto.