O sábado 15 de xuño celebramos a nosa tradicional Festa de A Bouza, sempre reivindicativa, sempre comunitaria, organizada polo Movemento Cidadán «O Noso Barrio», polo Centro Cultural «Rueiro» e pola Asociación de Mulleres «Dorna». Como sempre, seguimos a reivindicar un Centro Cultural público para o barrio de Coia, unha eterna promesa incumprida polas administracións. Pero como se non hai baile non é a nosa revolución, fixemos a reivindicación dende a festa, dende o xantar compartido, dende o xogo e dende a música.
Por desgraza, o presente segue a golpear o barrio e vivimos a festa dende a indignación por unha nova agresión á veciñanza, que desta vez afectou directamente ao complexo parroquial: a rotura dunha tubaxe provocou unha grave inundación, unha máis no barrio de Coia, que anegou os baixos da parroquia e puido ter causado mesmo danos persoais graves.
Pero non quixemos deixar que a incompetencia das administracións nos estropease a festa. Así, o xantar e a cea comunitarias deron pé, na carballeira de A Bouza, á risa e á conversa repousada, á lembranza e á conversa sobre futuros posibles e presentes mellorables. E, polo medio, contamos coas actuacións das Pandereteiras «Lumeiras de Rueiro», do Grupo de Gaitas «Rueiro» e da Banda de Música de UVCD de Candeán. Ademais, pola tarde, houbo tempo para os campionatos de chave de peques e maiores.
En definitiva, un ano máis reafirmámonos no noso compromiso coa veciñanza, co barrio, na festa e na reivindicación, creando comunidade e poñendo no centro a vida compartida.