O pasado xoves, día 1 de febreiro, a Rede Social Galicia Sur convocounos a un novo Círculo de Silencio, desta vez para esixir Xustiza Social tanto na nosa contorna máis inmediata como no resto do mundo, pois todo está interconectado.
A concentración, que se celebrou xunto á Farola de Urzáiz ás oito da tarde, reuniu a varias decenas de persoas que quixeron así, cun xesto sinxelo e alternativo, denunciar o lonxe que estamos aínda de cumprir cos mínimos para que toda persoa e comunidade poida dicir que vive con dignidade. Se vivir dignamente é un dereito, estamos a falar de que os dereitos están moi lonxe de acadarse pola avaricia duns poucos e as dinámicas estruturais que nos impón o capitalismo.
Por iso, dende o silencio e a quietude, en medio de tantos ruídos, queremos ser voz que berra no deserto, coa esperanza de sementar un futuro mellor para todas as persoas.