Onte a ODS-Coia comunicaba a nova do seu peche. Son moitos anos de loita transformadora e comprometida, solidaria e alternativa, dende abaixo e coa compricidade de moitas, na procura dun mundo máis xusto, onde os dereitos sociais sexan unha realidade e non unhas verbas escritas nun papel gastado e baleiro. Lembramos infinidade de actos de denuncia, de campañas, de obradoiros e palestras, de publicacións (como a Guía de Axudas Sociais ou a participación no estudo de viabilidade da Renda Básica das Iguais en Galiza), de asembleas abertas coa veciñanza e outros colectivos… e mentres, paralelamente, detrás, ao fondo, había persoas que entregaban tempo e enerxía mentres formaban familias, amizades, comunidade.
Pero non queremos mirar atrás máis que para coller novos folgos e lembrar o noso camiño cara un futuro que construír entre todas. A ODS-Coia, no anuncio do seu peche, mira tamén cara adiante, avanzando que pechan «para comezar outras loitas». Deixámosvos o texto completo a continuación (pódedelo consultar tamén na súa web):
A Oficina de Dereitos Sociais de Coia (ODS-Coia) remata a súa actividade. A tarefa que iniciamos o setembro de 2007 acaba pasados 16 anos. Uns últimos cursos con menor actividade e forzas, fixeron que pensaramos que o mellor era botar o peche.
Pechamos para pensar e comezar outras iniciativas. Os motivos que nos levaron a iniciar a ODS-Coia seguen, por desgraza, moi presentes: veciñas que non chegan a fin de mes, políticas sociais miserentas e que apestan a control social, illamento e soidade, prezos da vivenda elevadísimos, desinformación…
Nacemos coa vontade de ofrecer información alternativa sobre axudas sociais, visualizar/denunciar o empobrecemento e artellar respostas colectivas fronte ao capitalismo. Podemos dicir que os obxectivos foron máis que cumpridos o que non quita que saibamos que diante temos forzas moi poderosas que seguen pulando por cada vez máis anaco do pastel sen lle importar que cada somos máis as privadas duns mínimos para a vida.
Agradecemos o agarimo de moitas persoas e grupos cos que coincidimos na loita. Para nós foi un gustazo tecer lazos, facer comunidade con xentes diversas.
Alén das persoas e colectivos que fican gardados na nosa memoria estamos moi fachendosas dos numerosos actos, manifestacións, xuntanzas, asembleas, charlas… nas que participamos. Lembraremos sempre con agarimo os anos das asembleas dos martes e tamén o lanzamento da “Guía de Axudas Sociais” en 2017. Animar os debates na Galiza sobre como poñer a vida no centro grazas a Renda Básica das iguais tamén é do que sacamos peito. Foron anos de moito sufrimento e carraxe ao ver a moitas compas padecer a violencia institucional e a pobreza, mentres os cartos e recursos de todas desprazábanse cara os de sempre.
Botamos o peche pero moitas sabedes quen somos e onde atoparnos. Despedímonos cun lema que acompañou moitos actos: “Vivir dignamente é un dereito”.
Coia, setembro 2023