O pasado 20 de xuño, ás 19:30, na Praza do Emigrante, Amnistía Internacional convocou unha concentración para lembrar un ano de impunidade pola matanza racista de Melilla. Lembremos os datos, que por si mesmos son estarrecedores: 33 persoas negras mortas, 77 desaparecidas, 450 devolucións en quente, 0 axuizadas.
O acto contou co apoio expreso de diversas organizacións e colectivos (Asociación Yaran, Asociación Diversidades, Manos Unidas, Rede Social Galicia Sur, Red Acoge, Sindicato de Traballadoras do Fogar e Coidados, SOS Racismo) entre elas a Rede Social Galicia Sur, á que pertence a nosa parroquia.
A nosa comunidade tamén estivo representada nesta concentración, reivindicando Xustiza e solidariedade coas vítimas da violencia institucional contra as persoas migrantes empobrecidas. Esta violencia cotiá acadou na matanza de Melilla un dos seus episodios máis brutais e inxustificables.
As esixencias das organizacións que convocaban e apoiaban o acto eran: investigación independente, rendición de contas, fin das devolucións en quente e transparencia dos acordos migratorios.
A continuación presentamos o texto da nota de prensa elaborada por Amnistía e varias imaxes do acto.