Tempo de Coresma: PALABRAS QUE NOS ALENTAN

O percorrido que nos ofrece a Coresma deste ano, a partires das palabras do texto do Evanxeo de Mateo, reclama de nós unha auténtica conversión, unha transfiguración interior, un xesto transformador e, polo mesmo, revolucionario.

Este Tempo de Coresma chámanos a renunciar a toda forma de poder, a todo privilexio, a toda posición de dominio sobre os demais (1º Domingo); exhórtanos a poñer todo o empeño en escoitar a palabra de Xesús, entendendo a súa mensaxe e as esixencias que esa mensaxe teñen para nós, para as nosas vidas (2º Domingo); demanda poñernos man á obra na procura da auga de vida que nos ofrece Xesús de Nazaret, a auga dun Deus que non pode ser alleo a nós (3º Domingo); anímanos a camiñar como fillos da luz (que nos ofrece froitos de bondade, xustiza e verdade) e a denunciar as escuridades que nos oprimen (4º Domingo); e, por último, anúncianos que Xesús é a resurrección e a vida, e por iso seguir a súa chamada é elixir unha vida verdadeira, unha vida plena, comunitaria, comprometida, unha vida que pague a pena ser vivida (5º Domingo).

1º DOMINGO DE CORESMA (26 de febrero).

Comezamos o Tempo de Coresma cun chamamento a non deixarnos tentar por un capitalismo cada vez máis máis controlado polas grandes corporacións, que utilizan o desenvolvemento tecnolóxico da industria do ocio e do entretemento para anestesiarnos ante as inxustizas globais e locais.

Véndennos un mundo de luces rechamantes, de consumismo desbocado, de beleza superficial, de aparencias e artificios; un mundo que estimula os nosos egoísmos, os nosos desexos e ambicións; un mundo que nos converte en illas onde os demais, fóra dos máis achegados, son inimigos, obxectos de consumo ou, máis xeralmente, seres alleos que non teñen nada que ver comigo.

Pero debemos lembrarnos aquilo de que se creceu o pecado, máis abundante foi a graza. Nós podemos -e debemos- elixir, como fixo Xesús, o camiño da renuncia: renuncia a acaparar, renuncia ao consumismo, renuncia ao poder, renuncia a poñernos por diante e por riba dos demais. Ese é o primeiro paso do camiño alternativo, comunitario, fraterno, que nos ofrece este tempo de Coresma. Iso é, en definitiva, o que significa que so debemos adorar a Deus, porque so se pode adorar a Deus cultivando o amor ao próximo…

Pero aínda o levou o Satán a un monte moi alto e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, díxolle:

Heiche dar todo isto se te prostras e me adoras.

Entón replicoulle Xesús:

Arreda, Satán, porque está escrito: Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto.

Mt 4, 8-10