Domingo 04 de Decembro Domingo 2º de Advento
A utopía, que lembrabamos o pasado domingo, require crer no imposible, no inesperado. E a mensaxe de Xesús, a mensaxe do cristianismo, é utópica dende o seu cerne mesmo: exísenos amar aos inimigos. Podemos? Queremos? Comprometémonos? Non se trata de verbas pasaxeiras, trátase de como conducir a nosa vida, de como actuar, dende a ética e dende a política, no mundo que nos tocou vivir. As nosas Causas: Amor, Xustiza, Paz. Con elas, imos construír o Futuro…
Isaías 11,6–9 Oráculo do Emmanuel
O lobo habitará co carneiro e o leopardo deitarase co cabrito; o becerro e o leonciño pacerán xuntos: un meniño pequeno sacaraos ó pasto. A vaca e a osa pacerán xuntas, xuntas deitaranse as súas crías; o león, o mesmo có boi, comerá palla. Un meniño de leite xogará no tobo da cobra, e un neno destetado collerá a víbora coa súa man. Ningún será malvado nin fará o mal en todo o meu monte santo: o país estará cheo de coñecemento do Señor, o mesmo que as augas enchen o mar.