Neste breve comentario do tempo de Advento, que como outros anos iremos publicando domingo a domingo, eliximos, contra o habitual, unha selección de textos do Antigo Testamento, asociado con frecuencia a unha relixiosidade moi tradicional e mesmo caduca. Pois ben, de forma paradoxal estes fragmentos fálannos de esperanza, de utopía e de futuro, do noso futuro. Ao fin e ao cabo, ese era o papel dos profetas, e Isaías é un dos máis sobranceiros. Así, a súa voz segue a con-movernos, a reclamarnos ser escoitada, a esixir o noso compromiso con ese mundo posible que el agardaba. Escoitaremos, de verdade, dunha vez por todas, a súa voz, a voz dos profetas de onte e de hoxe?
Domingo 27 de Novembre Domingo 1º de Advento
Seguimos a escoitar, a ler, a comentar, mesmo a cantar, ano tras ano, estas palabras do Antigo Testamento, como se fosen verdades eternas: “Coas espadas forxarán arados; coas lanzas, podas”. Pero crémolas de verdade? E somos consecuentes con elas? Cultivamos a paz onde tantos alzan a espada? Actuamos dende o convencemento de que a noite está avanzada, de que se achega o día da liberación? Camiñamos coas armas da luz ou quedamos na casa atrapados, atrapadas, polos nosos medos? O futuro agarda a que o forxemos, a utopía agarda que demos un paso cara ela. Ninguén máis o pode facer por nós…
Isaías 2,4-5 Canto a Sión, morada da lei e da paz para as nacións
Coas espadas forxarán arados; coas lanzas, podas. Non levantará un pobo contra outro a espada, nin aprenderán de novo a facer a guerra. ¡Casa de Xacob, vén; vaiamos e camiñemos á luz do Señor!
Romanos 13,11-12 Vixilancia e pureza
E con máis razón sabendo o tempo no que vivimos: xa é hora de que espertedes do sono, pois agora a salvación xa está mais cerca de nós que cando empezamos a crer. A noite vai andada, e o día está a chegar: rexeitemos as obras das tebras e vistamos as armas da luz.