O Advento é un tempo inspirador. Quizais porque é un tempo de espera. Igual que o embarazo, un tempo de interioridade, onde algo vai crecendo no escuro e protexido do ventre materno. Advento chámanos a mirarnos por dentro. A descubrir aquilo que xa non nos serve, para deixalo ir. E tamén a descubrir a vida que latexa buscando saír á luz. Alí poden esconderse os abrochos do que aínda non se manifestou.
Como os ciclos da natureza danse paso uns a outros para que a terra descanse, traballe e dea o seu froito, así tamén para nós, perdidos tantas veces no vórtice de todos os días, que non diferencia o día a día, vénnos moi ben diferenciar os tempos. E Advento é un instante no ano para serenar, preparándose nunha espera do que virá. Esquecemos o ritmo celebrativo da vida, ancestral, e habería que recuperalo máis aló de compras e rebaixas, e festas importadas baseadas no consumo.
Adentrémonos no verdadeiro sentido do Nadal… e despeguémonos do que sobra.
Ao longo de todo o Advento, escoitaremos o mesmo lema: PROFETAS DUN MUNDO NOVO.
O percorrido que imos seguir, quereríamos facelo na celebración pero tamén na vida, para espertar e ser PROFETAS DO MUNDO NOVO que nos ofrecen a palabra e a vida de Xesús de Nazaret. Para isto, nestes catro domingos seguiremos a buscar esperanzas e ánimos renovados nestas catro utopías: A UTOPÍA PACIFISTA (domingo 1º), A UTOPÍA FEMINISTA (domingo 2º), A UTOPÍA ECOLÓXICA (domingo 3º) e A UTOPÍA COMUNITARIA (domingo 4º).
Hoxe en día necesitamos persoas de esperanza, que sexan capaces de mirar con ollos novos porque escoitaron palabras vivas no seu corazón e son capaces de sinalar camiños e acoller a novidade de Deus que fala nos acontecementos, ás veces dun modo sorpresivo e inesperado. Vivilo así no medio da comunidade, da parroquia, do barrio… é exercitarnos na esperanza á que nos convida este tempo de Advento.