As charlas de Coaresma deste ano, como xa anunciamos nesta web, estiveron a cargo de José Arregi, quen nos falou da Espiritualidade adecuada para estes tempos de crise social e eclesial, espiritualidade comprometida como vía para renovar a Igrexa dende a opción preferencial polas persoas e comunidades máis oprimidas.
O título da charla do venres era “Espiritualidade do Éxodo para tempos de Éxodo”. Comezou Arregi centrándose no Tempo de Éxodo que vivimos hoxe como realidade do mundo actual, destacando varias das súas realizacións: éxodo da información e do coñecemento, que desemboca en ignorancia e vulnerabilidade por sobreinformación; éxodo da economía capitalista, que dá lugar á especulación e á desigualdade; éxodo das muchedumbres, qué é un éxodo forzado tanto por motivos económicos como políticos; éxodo da Nai Terra, ameazada pola contaminación e sobrexplotación; éxodo da especie humana mesma, que se expresa no concepto de transhumanismo e que grazas ao desenvolvemento científico pode dar lugar a un novo salto evolutivo cheo de riscos e xerador de novas desigualdades; éxodo, por último, das relixións, sumidas nunha crise epocal que podería levar á desaparición do cristianismo.Fronte a estes éxodos contemporáneos e ameazantes, referiuse o ponente á necesidade dunha Espiritualidade do éxodo como unha oportunidade. Trataríase dunha espiritualidade transrelixiosa que presenta as seguintes características: entrar en si para poder saír; saír de si para poder entrar (que se concretaría en ambos casos en saír do noso eu para abrirnos á realidade tanto externa como interna); abrir as nosas fronteiras aos inmigrantes; saír en Deus cara a Deus; contemplar todo en Deus e a Deus en todo.
Por último, José Arregi detívose en tres personaxes bíblicos que encarnan esa espiritualidade do éxodo de maneira exemplar: Abraham, que representa un éxodo simultaneamente interior e exterior; Moisés, profeta do éxodo liberador; e Xesús, profeta itinerante que se deixa levar polo vento do espírito.
A charla do sábado tiña por título: “Espiritualidade de San Romero de Xesús e de América”. Consistiu nun percorrido pola vida de San Romero de América, como fillo do pobo, convertido ao pobo, contemplativo do pobo e, por último, resucitado no pobo. Arregi destacou esta espiritualidade de Óscar Romero como unha referencia para unha Igrexa distinta, que tiña na súa figura un referente ineludible para seguir o camiño de Xesús de Nazaret e adaptarse aos tempos que lle tocou vivir. Romero é, en definitiva, o creador da expresión de “pobo crucificado”, que nos convida a comprometernos coa realidade dos máis empobrecidos e a atopar neles o rostro de Xesús. A súa mesma conversión personal, a raíz do asasinato de Rutilio Grande, é un exemplo dunha posibilidade que temos permanentemente ante nós, como individuos, como comunidade parroquial e como Igrexa.