Hoxe demos un paso importante para impulsar unha renovación pastoral que é froito dunha longa reflexión das comunidades, culminada o curso pasado. Tratábase de dar pasos cara unha organización parroquial máis eficiente e participada para garantir unha mellor distribución de tarefas e responsabilidades comunitarias. Son pois novos modelos de organización, coherentes coas nosas conviccións.
Asumimos nesta nova dinámica o reparto por áreas, cunha persoa encargada de dinamizar o seu ámbito de responsabilidade, apoiada dun equipo. Estas áreas terían a consideración de “ministerios” instituídos na comunidade. Hoxe, na celebración do “envío”, demos concreción e impulso formal a esta renovación.
O reparto dos Ministerios fíxose así:
-
Ámbito da Espiritualidade Transformadora, a cargo de Tere: que comprendería a liturxia, a oración, a celebración…
-
Ámbito da Formación e Desenvolvemento Comunitario, a cargo de Ana Belén: creación de novos espazos formativos e remodelación dos actuais, elaboración de materiais, preparación dos sacramentos, etc.
-
Ámbito do Anuncio da Fe, a cargo de Gini: comprendería o proceso catequético en toda súa extensión, incluíndo nalgunha medida o de adultos.
-
Ámbito da Comunicación e Corresponsabilidade, a cargo de Diego: que provea as necesidades internas de comunicación e circulación da información -boletín periódico informativo, recordatorios-, así como compartir coa sociedade e a Igrexa a nosa vida comunitaria (comunicación externa).
-
Ámbito do Servizo e Denuncia Profética, a cargo de Fran: incluiría as tarefas de acompañamento e atención a persoas excluídas, ás enfermas, a solidariedade internacional, a denuncia profética…
Saímos da celebración con renovadas forzas, coa alegría de ser parte dun modelo máis participativo, máis comunitario e asembleario, onde as laicas e laicos asumen papeis protagonistas na xestión da vida parroquial. Camiñamos xuntas cara a un novo modelo de Igrexa, que tamén é unha forma de construír ese outro mundo posible e necesario…