LECTURA DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO
Naquel tempo, díxolles Xesús ós seus discípulos: – Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home. Entón estarán dous homes no agro; levarán a un e deixarán ó outro. Estarán dúas mulleres moendo no muíño, levarán a unha e deixarán á outra. Vixiade, porque non sabedes nada do día no que virá o voso Señor. Entendédeo ben: se soubese o dono da casa a que hora vai chega-lo ladrón, estaría á espreita e non permitiría que lle asaltasen a casa. Así tamén: estade vós preparados, porque na hora menos pensada preséntase o Fillo do Home (Mt. 24, 37-44)
Os evanxeos recolleron, de diversas formas, a chamada insistente de Xesús a vivir espertos e vixiantes, moi atentos aos signos dos tempos. Ao principio, os primeiros cristiáns deron moita importancia a esta «vixilancia» para estar preparados ante a vinda inminente do Señor. Máis tarde, tomouse conciencia de que vivir con lucidez, atentos aos signos de cada época, é imprescindible para manternos fieis a Xesús ao longo da historia.