A Coordinadora Galega pola Paz, unha rede da sociedade civil nacida con motivo da guerra de Irak en 2001, formada por ONGs, fundacións, partidos políticos e sindicatos, de carácter aberto e plural, quere manifestar publicamente o seu rexeitamento máis absoluto das accións xenocidas do goberno sionista de Israel en contra do pobo palestino, particularmente, en contra da poboación civil da franxa de Gaza.
Estamos diante da enésima violación da legalidade internacional e dos dereitos humanos máis elementais por parte do goberno israelí, nesta ocasión, contra dun territorio ilegalmente aillado e bloqueado no que viven millóns de persoas, un auténtico campo de concentración sometido periodicamente a accións militares unilaterais e desproporcionadas por parte dun Estado terrorista que provoca numerosas víctimas inocentes, especialmente, mulleres, anciáns e nenos.
Ademais dos ataques con tódolos medios dunha poderosísima maquinaria de morte, misís, avións, drons, asasinatos selectivos… ábrese agora a posibilidade dunha nova intervención militar terrestre israelí saltándose, de novo, as resolucións das Nacións Unidas e o dereito humanitario o que amenaza con xeralizar a violencia, unha vez máis, en toda a rexión.
Para a Coordinadora Galega pola Paz resulta imprescindible a presión da sociedade civil e da cidadanía, diante das súas propias institucións e das do goberno israelí co obxecto de impedir esta nova matanza, por iso facemos un chamamento á solidariedade para co pobo palestino, e de apoio ás súas xustas demandas de autodeterminación e creación dun Estado propio. Demandaremos declaracións de solidariedade e condena por parte do Parlamento Galego, do Estado e de Europa, así como dos Concellos, para remitir ó goberno israelí, á embaixada e os consulados de Israel en España.
Convocaremos e apoiaremos cantas accións pacíficas e democráticas se realicen para rematar con esta escalada militar, para acadar un alto o fogo e o estricto cumprimento da legalidade internacional, as resolucións de Nacións Unidas e os dereitos humanos, así como unha solución negociada ó conflicto.
Facemos un chamamento á comunidade internacional para que non permañeza por máis tempo calada, especialmente á UE, e para que propicie a mediación e o diálogo entre as partes por medio de sancións económicas e políticas contra do goberno israelí.
Finalmente, a Coordinadora Galega pola Paz convoca concentracións unitarias diante dos concellos de Galicia o vindeiro Martes, día 15 de Xullo, ás 20:00 horas.