3º Domingo de Coresma: «Queremos camiñar contracorrente»

DOMINGO III DE CORESMA (8 de marzo)

¿A que fontes acudo para saciar a miña sede?

Nos domingos anteriores preguntámonos que daba valor á nosa vida e onde poñíamos a nosa felicidade. As preguntas seguen estando sempre aí… agardando a nosa resposta. Porque a vida non é unha liña recta, e tralos espazos de silencio interior e de felicidade persoal cómpre saír cara fóra, baixar do monte e buscar fontes onde refrescar a vida de todas e todos. ¿Onde atoparemos esas fontes?

Nun día como o de hoxe, cabe preguntarse tamén: ¿Non son as mulleres, portadoras dende sempre dos traballos dos coidados, quen amosan o camiño? ¿Non foron as mulleres quen reivindicaron outro mundo posible ao berro de: “Queremos o pan, pero precisamos as rosas”?

Naquel tempo, chegou Xesús a unha cidade da Samaría chamada Sicar, preto do terreo que lle deixara Xacob a seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E Xesús, canso do camiño, sentou onda o pozo. Era preto das doce da mañá. Chegou unha muller da Samaría sacar auga. E Xesús díxolle:

– Dáme de beber.

(Os seus discípulos foran á vila, mercar comida).

Preguntoulle entón a muller samaritana:

– ¿Como é que ti, sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber?

(Porque os xudeus non se levan cos samaritanos).

Respondeulle Xesús:

– Se coñecése-lo don de Deus e quen che di «dáme de beber», ti mesma lle pedirías a el e el daríache auga viva.

Replicoulle a muller:

– Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo, ¿de onde pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu este pozo, do que beberon el, seus fillos e mailo seu gando?

Xesús contestoulle:

– Todo o que bebe desta auga terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.

A muller suplicou:

– Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede nin ter que vir aquí por ela. Vexo, Señor, que ti es profeta.

Xn 4, 5-15. 19b-26. 39a. 40-42