1º Domingo de Coresma: «QUEREMOS CAMIÑAR CONTRACORRENTE»

¿Que é o que dá valor á miña vida?

Non chegamos ao mundo para darlle as costas, para deixalo de lado, para afastarnos dos seus problemas e esixencias, pero ás veces cómpre atopar espazos para que a terra repouse e colla folgos antes da nova semente. Nun mundo cada vez máis acelerado, máis saturado de ruídos, imaxes, datos e palabras, a Coresma é tempo propicio para a interioridade, para retirarnos ao “deserto” e afondar na procura de respostas ás preguntas esenciais: ¿Quen son? ¿Que busco? ¿Que é o que dá valor á miña vida?

Naquel tempo, o Espírito conduciu a Xesús ó deserto, para que Satán o tentase.

Despois de xaxuar corenta días e corenta noites, acabou por ter fame. O tentador, achegándose a el, díxolle:

– Se es Fillo de Deus, manda que estas pedras se convertan en pan.

Pero el respondeu:

– Está escrito: Non soamente de pan vive o home, senón de toda palabra saída da boca de Deus.

Mt 4, 1-11