O sinal de Deus é o máis inesperado: unha muller que dá a luz un neno que é froito do amor, unha muller pobre, migrante, perseguida. E un recén nacido, unha vida que xermola. No máis pequeno, no máis fráxil, no máis vulnerable, aí está Deus, e nós ao seu carón. Porque ese é o sentido do divino: a comuñón da humanidade toda cinguida polo amor fraterno, que nos vincula dende a aceptación da nosa fraxilidade. Somos un, somos irmáns e irmás, precisamente polo mesmo que somos, que seguimos a ser, ese meniño que precisa de todos nós para ser feliz. Acudamos á súa chamada!
Naqueles días, o Señor volveulle falar a Acaz nestes termos: «Pide para ti un sinal de parte do Señor, o teu Deus, nas profundidades do Xeol ou arriba nas alturas». Respondeu Acaz: «Non o pido, pois non quero poñer a proba o Señor». Entón dixo Isaías: «Escoitade vós, casa de David: ¿Évos pouco domina-los homes, que aínda queredes domina-lo meu Deus? Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí que a virxe está en cinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome Emmanuel (que significa «Deus connosco»).