Domingo 3º de Advento (14 de decembro)
“Que brinque de ledicia a estepa e que floreza!”
Isaías segue a alumear a nosa camiñada, animándonos e confortándonos para non vacilar, para non deixarnos atrapar polo desánimo. Vivimos nun mundo, o mundo occidental, no que a soidade, a depresión, o estrés, son as principais doencias de boa parte da poboación. É facil caer na desesperanza, é tentador mergullarnos nas distraccións da industria do entretemento e esquecer os problemas alleos. Pero de verdade é ese o mundo co que soñamos?
A Vida segue a convocarnos á súa festa de Resurrección. Deus segue a chamarnos á mesa común. So aí, nese banquete compartido, pode xurdir unha felicidade posible e auténtica, como esa flor que brota na pequena físgoa dun muro de pedra.
¡Que se alegren o deserto e maila terra reseca, que brinque de ledicia a estepa e que floreza! ¡Que, coma a lis, floreza abundantemente, que brinque en exultante danza!
Concedéuselle a gloria do Líbano, o esplendor do Carmelo e do Xarón. Eles mesmos verán a gloria do Señor, o esplendor do noso Deus.
Fortalecede as mans adormecidas, e ponde firmes os xeonllos que tremen. Dicídelles ós de corazón tímido: «Collede ánimo, non temades. Velaí o voso Deus. […]. Chega El mesmo, e salvaravos». Entón abriranse os ollos dos cegos, e os oídos dos xordos destaparanse. Entón o coxo saltará coma un corzo e a lingua do mudo cantará xubilosa. E os rescatados do Señor volverán por ela, entrarán en Sión con xúbilo, felicidade eterna sobre as súas cabezas. Conseguirán ledicia e felicidade, pois o sufrimento e o pranto fuxirán.
Isaías 35, 1-6a. 10

