O xoves 4 de decembro a Rede Social Galicia Sur convocaba un Círculo de Silencio ás 20:00, na praza de América, xunto ao monumento ao migrante.
A realidade da mobilidade humana forzosa segue crecendo e o número de persoas desprazadas pola guerra, a violencia e a persecución en todo o mundo alcanza xa niveis alarmantes, os máis altos nos últimos dez anos. E xusto agora, cando o financiamento humanitario está a esgotarse. Así o di o último informe presentado por ACNUR, a Axencia da ONU para os Refuxiados. Estímase que, a finais de 2024, no mundo había 123,2 millóns de persoas desprazadas pola forza por mor de persecucións, conflitos, violacións aos dereitos humanos, crise climática.
[O MANIFESTO COMPLETO FIGURA NO DOCUMENTO ADXUNTO]
¿Que son os círculos de silencio?
Os círculos de silencio nacen en Francia no 2007 e actualmente convócanse nese país en máis de 180 cidades cada mes. Esta iniciativa tense estendido por Europa e por varias cidades españolas.
Os círculos aspiran a expresar a súa protesta dende unha cultura da non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo.
Queren ser un xesto pacífico permanente de denuncia.
O silencio como forma de diálogo, que apela á conciencia de quen fai as leis, de quen as aplican e da cidadanía que as asume, ás veces de forma pasiva e acrítica. Silencio como forma de acción que aglutina a persoas de boa vontade, que podendo ter ideoloxías, culturas ou crenzas diferentes, atopan nese silencio solidario coas persoas e comunidades oprimidas unha linguaxe común.
Nun mundo desbordado de ruídos, de sobreinformación que desinforma, de eslóganes e publicidade comercial e política, pensamos que o silencio ten un potencial revolucionario para reivindicar outros mundos posibles e necesarios.





