Desde o Espazo Aberto Antimilitar, outro ano máis, fannos unha chamada á desobedecer á guerra cos nosos impostos facendo Obxección Fiscal ao Gasto Militar nas declaracións da renda.
Se queredes saber como se fai Obxección Fiscal na declaración da renda visita esta web: https://www.grupotortuga.com/Como-se-hace-la-Objecion-Fiscal-al
Achegamos o texto da campaña deste ano co que animamos a desviar unha parte dos impostos a proxectos que procuran no cotiá facer unhas sociedades máis xustas e igualitarias:
SABOTEAR A GUERRA PARA SALVAR A PAZ
O ideal de experiencia que conforma o choque é a catástrofe (Walter Benjamin, Obra das pasaxes)
A guerra mobiliza, antes do que recursos, sentimentos, de modo que precisa crear as condicións primeiro, para facela posible despois. Todo isto, nunha secuencia temporal que actúa condicionando o corpo social, a través dunha narrativa que celebre a disolución dos límites do consenso, en favor dunha nova orde mundial e a fantasía bélica que a alimenta.
Así, nun mundo onde reina o máis forte, as armas son sempre necesarias, comezando polas económicas. De feito, o alarmismo das elites políticas preséntase de moi variadas formas pero, sobre todo, como unha posibilidade de saída á crise. Un exemplo de capacidade de adaptación, que ten no aumento do gasto en políticas de defensa e do complexo militar industrial un argumento de peso, do mesmo xeito que no expolio dos recursos naturais, o retroceso en dereitos políticos, a perda de garantías no ámbito das relacións laborais, o desmantelamento premeditado do sistema público ou a pobreza xeneralizada de cada vez máis sectores da sociedade.
Camiñamos cara un mundo máis fragmentado e máis emprobrecido. Pero tamén máis insolidario e violento. Neste contexto de inseguridade crecente, enmarcado nunha dinámica transnacional cuxo epicentro é o continente europeo, todo parece indicar o retorno á fórmula do keynesianismo militar como medio de incentivar o crecemento económico fronte ás necesidades máis perentorias da poboación.
Por tanto, cómpre reaxir diante da emerxencia bélica e todo canto implica. Neste sentido, o antimilitarismo reivindícase en toda a súa dimensión, á luz da experiencia histórica, como unha forma de presentar batalla pero facendo uso das nosas propias armas. Precisamente, a campaña anual pola obxección fiscal aos gastos militares ten a ver con esa prolongación no tempo da memoria antimilitarista, adaptada ás condicións presentes. Unha posibilidade, entre tantas outras, de amosar o noso reixeitamento á escalada armamentística.
Galiza, abril 2025
Dende o Espazo Aberto Antimilitar propoñemos dentro da campaña pola Obxección Fiscal aos Gastos Militares 2025 varios destinos aos que podedes enviar os cartos que desviedes nas vosas declaracións:
– New Profile: Movemento para a desmilitarización da sociedade israelí: O Movemento para a Desmilitarización da Sociedade Israelí é un movemento feminista e antimilitarista fundado en 1998 que cre que o militarismo, profundamente arraigado na sociedade israelí, é unha das principais causas da guerra perpetua en Israel, así como das formas criminais en que leva a cabo. Ademais, o militarismo obstaculiza o camiño cara á paz e o fin da ocupación de Palestina, e fai que a sociedade israelí sexa máis violenta, sexista e racista +info: https://newprofile.org
– Kolectivo Jóvenes Parke Alcosa: o pasado 29 de outubro as inundacións a raíz dunha extraordinaria DINA arrasaron as zonas do sur de Valencia e, en Alfafar, sepultaron en barro os dous Centros de Día do parque de Alcosa, dirixidos polo Kolectivo Juvenil Parke.
Durante décadas, estes espazos son puntos de encontro comunitario no barrio de Orba/Parque Alcosa, ofrecendo apoio, educación e actividades de lecer a nenos, adolescentes e mozos, tal e como se recolle nos obxectivos fundacionais do colectivo creado en 1988. Agora estamos a buscar fondos para reconstruílos e recuperar o seu papel fundamental na comunidade. Número de conta da asociación: ES94 3159 0020 2728 45198924 indicando como concepto «Colaboro con el Parke» +info: https://kolectivosparke.org
– SOS Suído-Seixo | Mina Alberta Non: nace co obxectivo de informar á poboación, establecer colaboracións con outros colectivos, canalizar as ideas e reclamacións da veciñanza e para levar a cabo accións coordinadas entre as comunidades afectadas ante a preocupación suscitada pola solicitude de concesión de explotación mineira Alberta I por parte da empresa Recursos Minerales de Galicia, S.A. O obxectivo principal da plataforma é a posta en valor do seu patrimonio natural e cultural e a defensa do territorio das Serras do Suído e Seixo e zonas limítrofes fronte ós proxectos e Permisos de Investigación de minaría existentes (Alberta I, Alberta II, Macarena, Carlota, Maite etc) e fronte a outras accións que o ameacen. +info: https://minadoadenon.sossuidoseixo.org
Ademais destas dúas propostas podedes destinar os cartos ao Espazo Aberto Antimilitar. Os ingresos os podedes facer neste nº de conta > ES49 1491 0001 2630 0008 8601 e non esquezades sinalar o proxecto ao que queredes destinar estes cartos.
LEMBRADE! Comunicade no email > [email protected] cantos cartos desviaches e a que destino. Os recompilamos para enviar á campaña estatal pola OFGM