Tempo de Coresma: «Cinguidas por unha arela común» (4º Domingo)

4º Domingo de Coresma 30 de marzo

Seguimos, neste cuarto domingo de Coresma, afondando no sentido último, na raíz, no cerne mesmo da nosa fe, baseada na idea dun Deus Pai e Nai que nos fai irmás, irmáns, e nos demanda xustiza dende esa posición de servizo. Hoxe o texto bíblico rescata para nós unha desas vellas palabras que o tempo desgastou e que é preciso recuperar, resucitar, para entender o moito que esixe de nós: a palabra “reconciliación”. A palabra vincúlase ao substantivo latino concilium (asemblea, reunión), e así, o sentido orixinal da mesma sería facer volver a alguén á asemblea, á unión, ao acordo con outras persoas. Isto é, o que se nos enconmenda é construír comunidade e, dende aí, camiñar cara o Reino cada día, dende a horizontalidade, dende a apertura, dende a irmandade.

Irmáns:

Quen estea en Cristo é unha criatura nova: o que era vello, pasou. Velaí unha realidade nova.

E todo iso provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servizo da reconciliación.

Pois Deus estaba en Cristo reconciliando o mundo consigo, non levando conta dos delitos dos homes e poñendo en nós a mensaxe da reconciliación.

2 Cor 5, 17-19