Achégase o tempo de Coresma, corenta días nos que nos preparamos para celebrar a Semana Santa, que culminará na gran festa da Pascua de Resurrección. A Coresma é tradicionalmente un tempo de penitencia, de mortificación, de oración, de arrepentimento dos pecados, de sacrificios, de xexún. Nós queremos rescatar o sentido fondo de todas estas prácticas, que deriva da necesidade de facer o que tradicionalmente se denominou “examen de conciencia”: é dicir, avaliar persoal e comunitariamente, con toda honestidade, de corazón, o noso camiñar, a coherencia entre as nosas palabras, a nosa fe e as nosas accións. Estamos facendo as cousas ben? Somos testemuñas da Boa Noticia? Estamos -de verdade- comprometidas, comprometidos coa causa do Reino?
Nos círculos ortodoxos orientais acuñaron unha preciosa expresión para falar do tempo de Coresma, que coñecen como a estación da “brillante tristeza”. Nestes tempos de inmediatez e de felicidades de escaparate, reivindicar, dende o repouso e a sinxeleza, unha emoción como a tristeza é por si mesmo subversivo. A tristeza, certamente, pode ser unha emoción fermosa, chea de sentido, cando nos fai recoñecer “o que nos falta” para ser felices e nos con-move e impulsa a camiñar para conseguilo: o Reino precisa de nós, das nosas mans, dos nosos corazóns, do noso compromiso, en especial nestes días tan escuros.
Por iso queremos rematar esta presentación lembrando un contiño africano que nos agasallou a amiga Koldobi Velasco:
Din que un día o sol se ocultou como tantas veces, e mentres se ía poñendo o mundo íase quedando nunha escuridade total e, cando xa faltaba pouco para terminar de ocultarse totalmente, dixo en voz alta: “E quen dará luz a todo este mundo?”. E din que ao fondo viu unha candea acesa, que dixo: “Farase o que se poida”.
1º Domingo de Coresma 9 de marzo
Precisamos unir corazón e palabra na procura da xustiza. Cómpre lembrarmos que o Deus Pai e Nai no que cremos fai irmás a todas as persoas que habitamos este mundo, amigas e inimigas. E cómpre actuar dende este presuposto, con todas as súas consecuencias: con independencia das orixes, crenzas, razas, culturas e nacións, todas temos dereito a vivir con dignidade.
Pois crese co corazón para acadar a xustiza; e maniféstase coa boca para lograr a salvación. Porque di a Escritura: todo o que crea nel non quedará defraudado.
Rom 10, 10-13
Daquela non hai diferenza entre o xudeu e o grego, pois un mesmo é o Señor de todos, rico para todos os que o invocan; porque todo o que invoque o nome do Señor será salvo.
