Revolta das Mulleres na Igrexa de Galicia mobilízase o 9 de marzo.
“Crentes e feministas por unha Igrexa en igualdade”
O vindeiro domingo 9 de marzo ás 12:00 horas, a Revolta das Mulleres na Igrexa en Galicia, este ano baixo o lema “Crentes e feministas por unha igrexa en igualdade”, concentrarase na praza da Quintana en Santiago de Compostela e diante da igrexa do Cristo da Victoria de Coia en Vigo, para continuar reivindicando a igualdade das mulleres nunha Igrexa que as discrimina pola súa condición de mulleres. Desta maneira, como cada ano, as mulleres feministas da igrexa enmarcan a súa protesta nas celebracións do 8M, Día Internacional das Mulleres.
No quinto aniversario do movemento, as trinta agrupacións da Revolta das Mujeres na Igrexa – Alcem la Veu do Estado español saen á rúa para reclamar a igualdade. O acto central está promovido pola Asociación Mulleres Cristiás Galegas Exeria e consistirá nunha celebración que representará unha alegoría sobre a mesa compartida, onde sumaremos os nosos berros aos de moitas mulleres do mundo e da Igrexa.
A Revolta convoca ás mulleres e aos homes cómplices coa súa loita aos actos pola igualdade e a dignidade das mulleres que se celebrarán diante de catedrais e igrexas das cidades do estado. Ata que a igualdade sexa costume na Igrexa!
