Círculo de Silencio pola Xustiza Social

O pasado xoves 6 de febreiro a Rede Social Galicia Sur convocaba un novo Círculo de Silencio ás 20:00, xunto á Farola de Urzáiz.

Nesta ocasión, o obxectivo era reclamar Xustiza Social, nun mundo invadido por guerras, conflitos e unha violencia que non parece ter fin. A persecución das persoas migrantes, a crise económica e climática, a suba xeneralizada dos prezos das materias primas, dos servizos básicos e das vivendas… todo nos fala dunha crise sistémica na que perdemos as de sempre.

O informe «O saqueo continúa», publicado recentemente por Oxfam Internacional, aborda a persistente desigualdade e a pobreza extrema como fillas do colonialismo. Destaca como a riqueza dos milmillonarios creceu exponencialmente, en gran parte debido a herdanzas, clientelismo e monopolios, mentres a clase traballadora loita por sobrevivir. O colonialismo moderno segue a extraer riqueza do sur global en beneficio do norte global, perpetuando así a desigualdade grazas a un sistema financieiro internacional deseñado en favor dos máis poderosos.

Podedes ler o manifesto completo que se leu ao final do acto a continuación:

¿Que son os círculos de silencio?

Os círculos de silencio nacen en Francia no 2007 e actualmente convócanse nese país en máis de 180 cidades cada mes. Esta iniciativa tense estendido por Europa e por varias cidades españolas.

Os círculos aspiran a expresar a súa protesta dende unha cultura da non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo.

Queren ser un xesto pacífico permanente de denuncia.

O silencio como forma de diálogo, que apela á conciencia de quen fai as leis, de quen as aplican e da cidadanía que as asume, ás veces de forma pasiva e acrítica. Silencio como forma de acción que aglutina a persoas de boa vontade, que podendo ter ideoloxías, culturas ou crenzas diferentes, atopan nese silencio solidario coas persoas e comunidades oprimidas unha linguaxe común.

Nun mundo desbordado de ruídos, de sobreinformación que desinforma, de eslóganes e publicidade comercial e política, pensamos que o silencio ten un potencial revolucionario para reivindicar outros mundos posibles e necesarios.

Deixamos aquí unhas imaxes do Círculo de Silencio do pasado xoves: