Tempo de Advento: «Abrindo camiños de esperanza»

Domingo 2º de Advento (8 de decembro)

Preparade o camiño ó Señor”

Non basta coa reivindicación dos dereitos e a xustiza da que falabamos no domingo anterior. Cómpre chegar máis lonxe, ser máis transformadores. Cómpre “reparar” os vieiros, “endereitar” os camiños tortos. Cómpre, en definitiva, dar pasos persoais e comunitarios cara adiante na construción efectiva desa outra vida posible, máis fraterna, máis chea de sentido, sen deixar de lado a reivindicación dun mundo máis xusto para todas. Cómpre poñérmonos mans á obra para facer posible que o horizonte do noso camiñar estea preñado de esperanza, dende o aquí e o agora.

Entón el [Xoán] percorreu toda a rexión do Xordán, pregoando un bautismo de conversión, para acadar o perdón dos pecados, conforme está escrito no libro do profeta Isaías:

Unha voz chama no deserto:

Preparade os camiños do Señor,

reparade os seus vieiros.

Todo barranco se cubrirá

todo monte e outeiro se rebaixará,

os camiños tortos hanse endereitar

e os fragosos hanse achanzar.

E todos verán a salvación de Deus.

Lucas 3, 4-6