Círculo de Silencio por un consumo responsable

O pasado xoves 5 de decembro, como cada primeiro xoves de mes, a Rede Social Galicia Sur, á que pertence a nosa parroquia, convocou un novo círculo de silencio.

Nesta ocasión, quixemos denunciar un consumismo depredador que se desboca aínda máis nestas datas, coa proximidade do Nadal. Nunha sociedade de hiperconsumo, comprar constitúe un “acto político” que conforma o mundo que habitamos, consumir decide que planeta e que sociedade queremos.

O consumo é un dos vectores que vertebran o funcionamento da nosa sociedade. Con todo, o noso actual sistema socioeconómico choca de maneira cada vez máis palpable cos límites biofísicos do planeta e é fonte inherente de desigualdade e pobreza. Por tanto, é necesario cambiar os nosos patróns de consumo e os seus estilos de vida asociados, xa que este modelo vixente de produción e consumo resulta insostible.
Cómpre denunciar as consecuencias deste modelo económico que o devora todo ao seu paso e que se alimenta da explotación do planeta e das comunidades e persoas máis empobrecidas. Cómpre apostar por outras opcións máis xustas e éticas: o consumo responsable, as finanzas éticas, a economía social e ecolóxica. Cómpre poñer a vida de todas as persoas e dos ecosistemas no centro, antes de que sexa demasiado tarde.