Neste Tempo de Advento queremos atopar nos signos dos tempos, en medio de tantos motivos para o pesimismo, faíscas que nos mobilicen, que nos empurren, que nos animen a vivir unha vida comprometida e ilusionada, unha vida que pague a pena, liberadora e feliz. É tempo de advento, tempo de esperanza, e nós, comunidade cristiá de base da parroquia do Cristo da Vitoria, estamos chamadas, chamados, a abrir novos camiños que fagan posible o nacemento dese neno que é o Deus das empobrecidas, das oprimidas, das esquecidas, o Deus de todas as persoas e comunidades que soñan cun mundo máis xusto e fraterno.
Hai que coidar da semente, hai que preparar a terra, hai que darlle nutrientes e saciar a súa sede, liberala das malas herbas e agradecer a chuvia e o sol, con paciencia e compromiso, confiando, agardando… porque os froitos sempre chegan.
Domingo 1º de Advento (1 de decembro)
“Practicade o dereito e a xustiza”
Como o amor, a liberdade ou a igualdade, o dereito e a xustiza son grandes palabras que durante séculos os poderes corromperon e baleiraron de contido. Pero as palabras importan. Non podemos resignarnos nin ser cómplices desa desvalorización do sentido fondo destas verbas: Dereito e Xustiza. O primeiro para facer posibles os camiños de esperanza neste advento que nos toca emprender é comprometernos cun Dereito e cunha Xustiza que recoñezan a irmandade de todas as persoas, que nos traten a todos e todas por igual, sen exclusións, sen privilexios. Ese é tan so o primeiro paso, que nos obriga a saír á rúa, a denunciar toda inxustiza, a esixir dereitos para todas. Non esquezamos que o primeiro paso é sempre o máis difícil, o máis decisivo…
Nos días aqueles e no intre aquel farei abrollar de David un xermolo lexítimo, que practicará o dereito e a xustiza no país.
Xeremías 33, 15