O pasado sábado 16 de novembro, dende as cinco e media da tarde, celebramos o noso tradicional magosto de barrio, organizado polo Movemento Cidadán «O noso barrio», a Asociación de Mulleres «Dorna» e o Centro Cultural «Rueiro».
Durante a festa houbo espazo para a música tradicional galega grazas ás actuacións do Grupo de Gaitas «Arume», do CSR de Beade, e do Grupo de Pandereteiras Lumieiras de «Rueiro».
Tamén, e xa é parte da tradición, desenvolvemos unha mesa de troco para intercambiar obxectos que non se usan na casa e que algún veciño ou veciña podería precisar. Trátase de apoiar e fomentar unha economía alternativa, máis social e solidaria.
E coma sempre seguimos a reivindicar un Centro Cultural para o barrio. Porque tratábase de bailar, pero tamén de reivindicar. E así seguiremos…




