O pasado xoves 7 de novembro, como cada primeiro xoves de mes, a Rede Social Galicia Sur convocaba un novo Círculo de Silencio, ás 20:00, desta vez na Praza de América.
Nesta ocasión, quixemos expresar a nosa solidariedade coas persoas sen teito e denunciar a súa inxusta situación de precariedade absoluta e abandono institucional. Sobre todo nestas datas en que se achega o inverno e son maiores as dificultades para (mal)vivir nas rúas das nosas cidades. Mentres, as luces e os ‘fastos’ navideños incitan a un consumismo desbocado que parece cegarnos ante as realidades de probreza e soidade de moitas persoas. Por todo isto, a Rede Social Galicia Sur quixo apoiar co seu círculo de silencio a campaña Ninguén sen fogar de Cáritas.
¿Que son os círculos de silencio?
Os círculos de silencio nacen en Francia no 2007 e actualmente convócanse nese país en máis de 180 cidades cada mes. Esta iniciativa tense estendido por Europa e por varias cidades españolas.
Os círculos aspiran a expresar a súa protesta dende unha cultura da non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo.
Queren ser un xesto pacífico permanente de denuncia.
O silencio como forma de diálogo, que apela á conciencia de quen fai as leis, de quen as aplican e da cidadanía que as asume, ás veces de forma pasiva e acrítica. Silencio como forma de acción que aglutina a persoas de boa vontade, que podendo ter ideoloxías, culturas ou crenzas diferentes, atopan nese silencio solidario coas persoas e comunidades oprimidas unha linguaxe común.
Nun mundo desbordado de ruídos, de sobreinformación que desinforma, de eslóganes e publicidade comercial e política, pensamos que o silencio ten un potencial revolucionario para reivindicar outros mundos posibles e necesarios.
Adxuntamos o manifesto que se leu no acto e algunhas imaxes:








