Hoxe, 19 de outubro, unha semana despois das mobilizacións ante a crise da vivenda que estamos a padecer, e so dous días despois de conmemorar o Día da pobreza, reunímonos nunha nova Xuntanza comunitaria para tratar o problema da vivenda.
Un grupo de máis de trinta persoas desenvolvimos este encontro de sensibilización, reflexión e concienciación, na procura de posicionamentos críticos e de alternativas comunitarias. Antes de mirar uns vídeos sobre o problema dos desafiuzamentos e a necesidade de mobilización, lembramos que estas loitas veñen de moi atrás e que a nosa comunidade foi sempre partícipe das mesmas. Fixemos un recordatorio dun movemento de denuncia no que participou a Asociación Xuvenil Luar e que, baixo o nome de Precarias, tratou de poñer no espazo público a precariedade da xente nova por culpa do encarecemento da vivenda.
A continuación, tras contemplar algunhas imaxes de humor gráfico que nos axudaron a reflexionar, limos algúns titulares da prensa que deron pé a ao debate, a compartir experiencias persoais ou de persoas próximas e, en definitiva, a humanizar un problema que, como non deixamos de constatar, é transversal e ten que a súa orixe no sistema capitalista que depreda todo canto toca.
Tralos problemas viñeron as posibles solucións. Aquí, ademais de facernos eco das propostas dos colectivos máis directamente implicados nesta cuestión, quixemos resaltar a necesidade da mobilización comunitaria, apoiando as demandas que se fan dende diversas entidades locais e estatais. Tamén valoramos diversas experiencias de vivenda de promoción comunitaria con rentas asequibles, moitas delas con financiación da banca ética Fiare, da que a nosa parroquia é socia e na que participan varias persoas da Comunidade.
Por último, quixemos poñer o foco na situación da que partimos maioritariamente na nosa Comunidade, onde non hai problemas en xeral de acceso a unha vivenda digna. Dende unha perspectiva cristiá, corremos o risco de refuxiarnos nas nosas casas ante un mundo exterior cada vez máis violento, complexo e perigoso. Corremos o risco de ser vítimas dos nosos egoísmos: por iso cómpre non deixarse derrotar, saír ao barrio, á rúa, e atopar nos espazos comunitarios camiños liberadores nos que compartir a vida e construír un mundo mellor.