Círculo de Silencio en defensa das persoas migrantes

Comezamos o curso convocando, dende a Rede Social Galicia Sur, un novo Círculo de silencio. Como sempre, foi o primeiro xoves do mes, o pasado día 5 de setembro, ás 20:00, na Farola de Urzáiz.

Unha vez máis, quixemos denunciar as políticas (anti)migratorias de España e Europa, o incremento das actitudes xenófobas e a indiferenza e insolidariedade coas persoas que chegan ás nosas costas nunha situación de extrema vulnerabilidade.

Como nos lembra o papa Francisco, temos a obriga de fomentar, «por todos os medios, unha gobernanza mundial da migración baseada na xustiza, a fraternidade e a solidariedade. O que mata aos migrantes é a nosa indiferenza».

¿Que son os círculos de silencio?

Os círculos de silencio nacen en Francia no 2007 e actualmente convócanse nese país en máis de 180 cidades cada mes. Esta iniciativa tense estendido por Europa e por varias cidades españolas.

Os círculos aspiran a expresar a súa protesta dende unha cultura da non violencia, a través dunha acción sinxela e asumible por todo o mundo.

Queren ser un xesto pacífico permanente de denuncia.

O silencio como forma de diálogo, que apela á conciencia de quen fai as leis, de quen as aplican e da cidadanía que as asume, ás veces de forma pasiva e acrítica. Silencio como forma de acción que aglutina a persoas de boa vontade, que podendo ter ideoloxías, culturas ou crenzas diferentes, atopan nese silencio solidario coas persoas e comunidades oprimidas unha linguaxe común.

Nun mundo desbordado de ruídos, de sobreinformación que desinforma, de eslóganes e publicidade comercial e política, pensamos que o silencio ten un potencial revolucionario para reivindicar outros mundos posibles e necesarios.