O concello de Vigo afonda na privatización da teleasistencia municipal

A continuación, compartimos esta nova de Baladre publicada polo noso compañeiro Diego, que vén a poñer de relevo como un caso moi concreto pon sobre a mesa unha situación cada vez máis xeneralizada de acaparamento e explotación de servizos sociais por parte das empresas privadas por «concesións» e, como neste caso, delegación de funcións que corresponden ás administracións públicas:

No verán de 2023 Xulia e a súa nai, Olga, foron aos servizos sociais do concello de Vigo. Pediran cita na procura de información sobre o funcionamento do servizo de teleasistencia[1] municipal. Olga é maior, vive soa e nos últimos tempos ela e a súa familia ven medrar as necesidades de apoio no día a día. Malia o complicado que é para Olga vivir con dor, así como asumir a perda de autonomía, acepta iniciar os trámites da teleasistencia. Tras a recompilación e entrega da documentación requirida só faltaba a visita da traballadora social. A finais de maio de 2024 preséntase no piso de Olga dita profesional para realizar a visita domiciliaria coa que poder pechar a valoración.

A sorpresa foi que alí non apareceu funcionaria do concello ningunha. A traballadora social, como ela mesma explicou, pertencía ao cadro de persoal de Quavitae (grupo Domusvi, antiga Geriatros) e xusto estreaba esta tarefa. Ante os atrasos na tramitación dos expedientes de teleasistencia no departamento decidiron que, a partir de agora, traballadoras sociais da empresa xestora fagan tamén informes de valoración para axilizar, así, os trámites. Poucas semanas antes desta situación a Xunta de Goberno local, do 24 de abril de 2024, resolvía a adxudicación do servizo de teleasistencia domiciliaria do Concello de Vigo a QUAVITAE SERVICIOS ASISTENCIALES, S.A.U. cun importe de 576.000,00€ até 2027[2].

Unha decisión contraria ao regulamento[3] do Concello de Vigo sobre teleasistencia. A norma di que este pode contratar a execución do servizo a través de contratacións, pero reservando sempre a súa superior dirección e coordinación técnica a través do servizos sociais municipais. No artigo 10.3 do regulamento así o di:

“A instrución do procedemento corresponderá ó Servizo de Política de Benestar do Concello de Vigo. As solicitudes serán debidamente valoradas por unha traballadora social, que emitirá informe sobre a idoneidade do servizo e posteriormente realizarase a visita domiciliaria. Sobre a base dese informe e da demais documentación do caso, a xefatura do servizo formulará a proposta de resolución que proceda á concellería delegada de Política de Benestar”.

O trámite ordinario sería, lembramos que estamos en servizos sociais comunitarios, que a traballadora social de zona fixera a visita e logo emitira o informe coa valoración. Mais en Vigo isto xa non acontecía, posto que todas as solicitudes de teleasistencia que chegaban ás Unidades de Traballo Social (UTS) ían redirixidas á traballadora social responsable dos Servizos de Persoas Maiores. Tiñamos xa unha perda importante de información e de posibilidade de traballo comunitario, tiñamos un servizo privatizado que agora ademais de xestionar tamén participa na valoración das solicitudes.

Estamos ante feitos moi graves que supoñen un novo avance no deterioro de servizos públicos e na privatización dos servizos sociais municipais. A saturación, a sobrecarga no departamento de Benestar Social de Vigo non son novos. Tampouco o é a deriva privatizadora. Nas últimas semanas persoal do propio departamento saíron ás rúas para denunciar as condicións laborais nas que teñen que facer o seu traballo. A CUT, un dos sindicatos participantes, fai as seguintes reivindicacións: 1) aumento do cadro de persoal para chegar cando menos a cumprir a ratio, 2) cobertura de baixas, permisos de maternidade e reducións de xornada, 3) redución do número de citas diarias e aumento da duración do tempo de atención e 4) criterios técnicos para a avaliación e propostas de mellora dos programas e servizos municipais.

O contado até o momento non é novo, hai anos que os dereitos sociais non atopan acubillo nin no departamento nin nos seus responsables. Pasaron varias concelleiras nos últimos tempos, mais onde non houbo mudanzas foi na dirección técnica do departamento: xefe de área e xefa de servizo de Benestar Social levan nos seus cargos. Levamos anos dando por normal: agardar meses por unha cita, atrasos amplísimos na tramitación, persoal insuficiente e saturado, privatización de servizos… mais esa situación ten responsables que padecemos veciñanza e traballadoras sociais do departamento.

Precisamos falar destes asuntos en colectivo, dialogar entre diversas. Os feitos falan que responsables políticas e técnicas na casa do concello non están no camiño de garantir unha vida digna para todas.

Xuño 2024

Baladre (Coordinación contra a precariedade, o empobrecemento e a exclusión social)

– –

[1] A teleasistencia domiciliaria é un servizo social de natureza tecnolóxica de carácter normalizador, nun casos, e esencial noutros (persoas con déficit de autonomía persoal incluídas no sistema de atención á dependencia) co que se procura a permanencia das persoas usuarias no seu medio habitual. En efecto, a súa existencia xustifícase na necesidade de facilitar unha atención domiciliaria a determinados colectivos especialmente vulnerables como o das persoas maiores, con minusvalías, dificultades de autonomía persoal, carencia de relacións persoais e familiares ou afectados por enfermidades crónicas e outras patoloxías asociadas; situacións que a miúdo veñen acompañadas de sentimentos de soidade, angustia, inseguridade, aillamento, depresión, etc.

[2] https://www.farodevigo.es/gran-vigo/2024/04/20/adjudicado-servicio-telea…

[3] https://sede.vigo.org/expedientes/tramites/getarchivo.jsp?id=120&tipo=or…