A Coresma é tempo propicio para a introspección, para a reflexión, para repensar o rumbo que levan as nosas vidas e actuar en consecuencia. A Coresma, convén lembralo aquí, simboliza a proba pola que pasou Xesús ao permanecer durante corenta días no deserto de Xudea, previos á súa misión pública. Así pois, durante este tempo, nós tamén estamos chamados, chamadas, ao mesmo proceso de liberación, onde nos desprendemos das nosas cadeas, dos nosos egoísmos, e nos preparamos para poñernos mans á obra pola construción do Reino de Deus. Cómpre sermos persoas moi honestas para con nós mesmas, de maneira que non erremos o xuízo. Trátase de orientar a nosa navegación cara a terra prometida… Estamos a ser hoxe persoas menos egocéntricas, máis xenerosas, máis comprometidas, máis solidarias que hai un ano? Esa é a vara de medir, e so nós temos a resposta.
I Domingo de Coresma 18 febreiro
O tempo para a conversión sempre é agora. É neste mesmo instante, neste agora que somos, cando estamos chamadas, chamados, a escoitar, a crer e a actuar. Polo mesmo, a chamada espera unha resposta cotiá, día a día, hora a hora, minuto a minuto, de corazón, palabra e obra. Non caben escusas nin atrasos, porque o Reino precisa de nós xa. O tempo está cumprido.
Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova de Deus, dicindo:
– O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.
Marcos 1, 14-15