Onte algunhas persoas da comunidade disfrutamos dunha preciosa xornada de convivencia con Mercedes Barrio. Mercedes viñera hai uns anos pola parroquia convidada a compartir con nós unha inesquecible ponencia sobre “Mística liberadora”. A pesares da distancia (ela ten en Madrid a súa residencia) mantivo o contacto con nós e, por fin, tras moitas demoras, puido achegarse a Vigo este pasado martes.
Tras unha fermosa conversa con ela na que lembramos a pegada do noso irmán Manolo nas nosas vidas, foi o momento para o xantar comunitario e para un pausado paseo pola Bouza, nos que houbo tempo para a palabra, para a reflexión, para as risas e para os silencios compartidos, cheos de sentido.
En definitiva, foi un día para a lembranza agradecida dunha comunidade que, como quería Manolo, segue a compartir a vida, segue a camiñar, segue a buscar no cotián o Reino fraterno que soñaba Xesús de Nazaret.

