3º DOMINGO DE CORESMA (12 de marzo).
Se nos anteriores domingos de Coresma Xesús pedíanos superar os egoísmos e vencer os medos, agora nos di onde atopar o acubillo e a forza para camiñar: ofrécenos a auga de vida que nos saciará para sempre, auga dun Deus que non é xa un obxecto de adoración alleo a nós, que non é xa unha entidade externa que ten o seu lugar nos montes ou nos templos. O Deus de Xesús, Deus Pai e Nai, é Amor, é Xustiza, é Verdade. E para adoralo cómpre vivir dende o Amor e para o Amor, dende a Xustiza e para a Xustiza, dende a Verdade e para a Verdade. Esa é a única adoración que Deus quere de nós, a única que precisa. Por iso, para ser coherentes con ese Deus Pai e Nai, temos que comprometernos -de verdade- coa construción dun mundo distinto, máis xusto, máis comunitario, máis fraterno.
Xesús contestoulle:
– Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.
[…] A muller respondeu:
– Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monte e vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar.
Xesús díxolle:
– Faime caso, muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoraréde-lo Pai. Vós adoráde-lo que non coñecedes; nós adoramos o que coñecemos, […]. Pero chega a hora -é xa agora- en que os verdadeiros adoradores adorarán o Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores que procura o Pai.
Jn 4, 13-14, 19-23